Diego Salas Pombo
Diego Salas Pombo, nado en Barcelona o 26 de setembro de 1918 e finado en Madrid o 24 de abril de 1997, foi un avogado, falanxista e político español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Dereito nas Universidades de Santiago, Oviedo e Madrid e foi mestre. Instalouse na Coruña onde fundou Falange Española e foi o seu Secretario provincial entre 1936 e 1937. Detido na primavera de 1936, cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 alistouse como voluntario e loitou como Alférez de Enxeñeiros no Exército franquista, destinado na Compañía de Radiodifusión e Propaganda. Ao rematar a guerra foi nomeado Inspector Nacional (1939) e despois Secretario Nacional do SEU. En 1941 foi nomeado Xefe Provincial de FET y de las JONS da Coruña, desempeñando o cargo até marzo de 1945, cando foi nomeado Gobernador civil e Xefe Provincial do Movemento de Salamanca (1945-1950) e despois de Valencia (1950-1956). Foi Vicesecretario Xeral do Movemento, Conselleiro Nacional do Movemento e procurador en Cortes (1943-1977). Foi un dos 59 procuradores que votaron en contra da Lei para a Reforma Política o 18 de novembro de 1976. Na transición militou en Falange Española de las JONS ás ordes de Raimundo Fernández Cuesta.
A comezos de agosto de 1954 acompañou como Gobernador civil a unha peregrinación valenciana de máis de cento cincuenta persoas a Santiago de Compostela, con motivo do Ano Santo, presentando unha Ofrenda ao Apóstolo e pronunciando a correspondente invocación.[1]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou coa ferrolá Fuensanta Bruquetas Saurín (1913-2000), irmá do Gobernador civil e Xefe provincial do Movemento de Huelva Carlos Bruquetas Saurín.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ofrenda de Valencia al Apóstol Santiago. Fué presentada por el Gobernador civil, Sr. Salas Pombo". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 6-8-1954. p. 1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Diego Salas Pombo". Universidade de Navarra (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2014.